¡Hola! Utilizamos cookies propias y de terceros para analizar el uso de esta web y mejorar tu experiencia de navegación. Al continuar navegando entendemos que aceptas nuestra política de cookies.    Saber máis - Aceptar.
Secciones
Síguenos en las redes
Buscar
Idiomas disponibles

Gastronomía



Mexillón, percebe, xouba...


Barbanza-Arousa ofrece unha exquisita gastronomía repleta de mariscos e peixes de alta calidade e máxima frescura, que poden adquirirse directamente nos mercados de abastos municipais ou nos centos de locais de hostalería da zona.

Destaca especialmente o Mexillón, cualificado como o Ouro Negro das innumerables bateas da Ría de Arousa, que conta con Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia. Podemos gozar deste manxar en calquera restaurante de Barbanza-Arousa. O Mexillón ten festa propia en Rianxo (agosto) e en Boiro (Cabo de Cruz-agosto).

O Percebe é outra das estrelas da nosa gastronomía. Quizais o de Aguiño, un dos mellores do mundo, sexa o máis coñecido, pois nesta parroquia de Ribeira celébrase dende os anos 90 a Festa do Percebe. As rochas da Illa de Sálvora son un lugar perfecto para este cotizado marisco.

E a Xouba é un dos peixes favoritos da zona, en todas as súas modalidades: fritida, guisada, en empanada, en escabeche, etc. En Rianxo sábeno ben, e cada ano a finais de xullo conmemoran a ‘Festa de Exaltación da Xouba’.

Nos paseos por estas catro vilas poderemos ver como se obteñen os produtos que comeremos nos restaurantes ou mercaremos nas prazas e lonxas. As mariscadoras e mariscadores nos areais apañando ameixas, berberechos… , os percebeiros arriscando en zonas rochosas, os bateeiros recollendo os mexillóns ou as numerosas embarcacións que chegan aos portos cargadas de xouba, xurelo, solla, abadexo..., e mesmo de navalla, centola, nécora ou camarón, entre moitas outras opcións. O polbo, outro dos manxares por excelencia, ten celebración propia en Ribeira, a Festa do Polbo de Palmeira, a finais de agosto.

Os catro concellos contan con numerosos restaurantes nos que poderemos gozar de todos estes produtos, elaborados tanto da forma máis tradicional como con técnicas moito máis vangardistas.

E a maridaxe perfecta será acompañar todos estes peixes e mariscos con Viños da Terra do Barbanza e Iria (Indicación Xeográfica Protexida – IXP Barbanza e Iria). Viños lixeiros, limpos, brillantes e con cor intensa e aromas florais e de froitas.

Elabóranse baixo esta IXP brancos e tintos, con diferentes variedades de uva: albariño, caíño branco, godello, loureiro branco, treixadura, branco lexítimo, agudelo, torrontés, brancellao, caíño tinto, espadeiro, loureiro tinto, mencía, merenzao, sousón e raposo, neste último caso con algunhas cepas de máis de 200 anos. As adegas desta IXP son as  de Antonio Saborido en Boiro, Entre os Ríos en A Pobra do Caramiñal e Cazapitas en Rianxo.