Espectacular. Así é o miradoiro máis novo de Barbanza-Arousa, a 678 metros de altura e cunha das panorámicas máis impresionantes de Galicia. Desde aquí poderemos ver toda a Ría de Arousa, a Ría de Muros e Noia, Santiago de Compostela e, se temos sorte nun día claro, ata as Illas Cíes ou as torres da Catedral de Santiago.
Este miradoiro conta cunha plataforma de madeira no alto do Monte Picudo, no parque eólico de Rianxo, dende a que poderemos sentir como se voásemos sobre o val do río Té.
O acceso pode realizarse dende o Araño ou dende Burés, por unha pista asfaltada ata a ‘Pedra dos Concellos’, punto no que se encontran os municipios de Rianxo, Lousame, Rois e Dodro. Dende alí ascéndese polas pistas de terra do parque eólico, aínda que o camiño ten fortes pendentes e non é apto para todos os vehículos. Durante o traxecto poderemos gozar de curiosas fragas e animais en liberdade. Seguro que atopamos vacas, cabalos ou cabuxas.