Situado na Torre de Bermúdez, un palacete do século XVI declarado Monumento Histórico Artístico en 1976 e vinculado á familia paterna do escritor. Entre os fondos patrimoniais do Museo destaca unha importante colección de primeiras edicións de libros impresos en tempos do propio autor, así como fotografías súas en distintos puntos do Barbanza. Hai manuscritos orixinais, carteis teatrais, iconografía, vestiario, mobiliario de época ou distintos obxectos ligados á súa figura, como pinturas, esculturas ou caricaturas. Pódese escoitar a voz de don Ramón María recitando a súa obra ou velo nunha imaxe de celuloide.
A actividade do centro compleméntase cunha coidada programación de exposicións, lecturas colectivas, presentacións de libros e outros eventos culturais.