Con esta colaboración, a Mancomunidade de Municipios Barbanza Arousa afianza a súa aposta polo Turismo Cultural e Creativo no destino turístico así coma pola desestacionalización.
Ribeira, 9 de decembro de 2024
Esta mañá o presidente da Mancomunidade de Municipios Barbanza Arousa, Luis Pérez Barral, e Santiago García, representante da Asociación Cultural Alberto Romero asinaron un convenio de colaboración co fin de colaborar, impulsar, difundir e promocionar as actividades creadas pola Asociación Cultural Alberto Romero. Acompañáronos neste acto, María Outeiral, concelleira de cultura e turismo de Boiro e Fátima Cachafeiro, xerente da Mancomunidade.
A Asociación Cultural Alberto Romero ten como fin principal a promoción da cultura audiovisual a través do seu Certame de Curtas que celebra o vindeiro ano a súa 9ª edición nos Concellos de Barbanza Arousa e que conta con moi boa acollida entre o público en xeral.
Dende Barbanza Arousa comprométense con este convenio a colaborar na realización do proxecto VII Certame Audiovisual Alberto Romero de curtas no que participan nenas/os desde primaria ata rapazas/es de Bacharelato, ademais de contar cunha categoría para usuarias/os dos Centros de Diversidade Funcional e outra categoría libre aberta a todos aqueles que queiran participar.
Nesta edición, continúase coa categoría introducida hai dous anos e que se denomina “Barbanza Arousa”, que busca a posta en valor do territorio a través dos seus recursos patrimoniais, natureza e historia reflectidos nos audiovisuais. Esta categoría ten unha temática diferente cada ano, estando relacionada nesta ocasión, co “noso mar”. Trátase dunha temática que consiste en valorizar a Ría de Arousa como protagonista da vida diaria da xente dos concellos da Mancomunidade e tamén das persoas que os visitan e que desfrutan das praias e paisaxes.
Os premios que serán entregados nesta 9ª edición ascenden a 1.800€, estando xa aberto o prazo de inscrición ata o 28 de febreiro do 2023.
De forma paralela ao certame realízanse formacións nos catro concellos de como realizar unha curtametraxe.
Con este acordo, a entidade supramunicipal, continua co seu plan de traballo no que realiza unha profunda aposta pola “mellora do eido cultural, así coma a consolidación do turismo cultural e creativo coma unha forma de posicionamento do territorio”, segundo manifestou Luis Pérez Barral, presidente da Mancomunidade.