A mancomunidade Barbanza Arousa patrocina a proba ciclista “I challenge volta o Barbanza A Orixe” que organiza o Club Ciclista Barbanza e que terá lugar os días 9 e 10 de abril en dúas etapas que percorrerán os catro municipios do Barbanza. Na presentación da proba, que tivo lugar esta mañá, participaron o presidente da mancomunidade, Xosé Lois Piñeiro; o membro da directiva do Club Ciclista Barbanza, José Ramón Torrado; e o secretario da Federación Galega de Ciclismo, David Carrillo.
Boiro, 5 de abril do 2022 - Na proba van participar máis de 150 corredores de 27 clubs galegos, de toda a xeografía española e tamén portugueses. O secretario da Federación Galega de Ciclismo, David Carrillo, convidou a todas as persoas a que se acheguen a ver a proba por ser un “muy buen espectáculo que ayuda a fomentar la base en el deporte”.
Por parte do club agradeceron o apoio da Mancomunidade Barbanza Arousa para “poder levar a cabo unha proba como esta que acolle a corredores de todo o territorio e que se realiza en todos os municipios”. A proba vai consistir de dúas etapas, a primeira o sábado 9 de abril con saída e chegada en Boiro e que discorre tamén por Rianxo de 97 quilómetros. A segunda etapa, de 86 quilómetros, será o domingo día 10 e con saída e chegada na Pobra e que pasará por Ribeira.
O presidente da Mancomunidade, Xosé Lois Piñeiro, anunciou que esta proba segue o mesmo camiño que outras iniciativas que comezan nun municipio e se desenvolven a nivel comarcal. Dende Barbanza Arousa enténdese que a promoción do deporte e a promoción da comarca van ligadas e que “a celebración de actividades como esta redunda no beneficio de todos os concellos xa que as persoas participantes poden coñecer a nosa paisaxe”.