A Mancomunidade Barbanza Arousa enfronta a oportunidade que supón a concesión do Plan de Sustentabilidade Turística, agora con José Ramón Romero, alcalde de Boiro na presidencia.
Esta mañá celebrouse o Pleno da Mancomunidade de Municipios Barbanza Arousa na Sala de Xuntas do Concello de Boiro, co cambio de presidencia e traspaso de poderes, como primeiro punto da Orde do Día. Este cambio prodúcese de forma anual e, para o ano 2023 é a quenda de José Ramón Romero, alcalde de Boiro, que recolle a testemuña de Xosé Lois Piñeiro, alcalde da Pobra do Caramiñal.
Durante a sesión plenaria, ambos os alcaldes destacan a boa sintonía e colaboración que existe entre os catro concellos da Mancomunidade para levar a cabo a estratexia do destino turístico. Esta estratexia seguirá a liña que xa viña traballando, baseada na Ría de Arousa e a Serra do Barbanza como eixos diferenciadores e co Camiño de Santiago por terra e por mar como produtos principais.
Este ano abórdase o inicio da execución do Plan de Sustentabilidade Turística dotado con 1,5 millóns de euros, o que supoñerá un antes e un despois para o territorio. A achega dos fondos Next Generation ao ecosistema turístico da comarca supoñerá a posta en valor da enogastronomía local e tamén da súa historia pesqueira, de salgadura, conserveira e vinícola que forxou unha identidade propia do destino. Destacan actuacións como a creación do Museo da Conserva e da Salgadura, a inmersión no “Barrio dos Cataláns” así como experiencias no traballo nas adegas e conserveiras actuais e a degustación de produtos de primeira calidade que buscan xerar a emoción no visitante.
Continuarase, así mesmo, potenciando a colaboración público-privada e o traballo co sector, iniciándose este ano a implantación do selo de calidade turística SICTED.