A Mancomunidade Barbanza Arousa enfronta a execución dos fondos Next Generation concedidos, agora con Luis Pérez Barral, alcalde de Ribeira, na presidencia.
Este xoves 18 de xaneiro celebrouse o Pleno da Mancomunidade de Municipios Barbanza Arousa na Sala de Xuntas do Concello de Boiro, co cambio de presidencia e traspaso de poderes, dentro da súa Orde do Día. Este cambio prodúcese de forma anual e, para o ano 2024 é a quenda de #Luis Pérez Barral, alcalde de Ribeira, que recolle a testemuña de José Ramón Romero, alcalde de Boiro, e estréase como presidente da entidade.
Durante a sesión plenaria, ambos os alcaldes destacan a boa sintonía e colaboración que existe entre os catro concellos da Mancomunidade para levar a cabo a estratexia do destino turístico. Esta estratexia seguirá a liña que xa viña traballando, baseada na Ría de Arousa e a Serra do Barbanza como eixos diferenciadores e co Camiño de Santiago por terra e por mar como produtos principais.
Este ano abórdase a execución do Plan de Sustentabilidade Turística dotado con 1,5 millóns de euros, o que supoñerá un antes e un despois para o territorio, e o financiamento concedido para Destinos Turísticos Intelixentes. A achega dos fondos Next Generation ao ecosistema turístico da comarca supoñerá a posta en valor da enogastronomía local e tamén da súa historia pesqueira, de salgadura, conserveira e vinícola que forxou unha identidade propia do destino. Destacan actuacións como a creación do Museo da Conserva e da Salgadura, a inmersión no “Barrio dos Cataláns” así como experiencias no traballo nas adegas e conserveiras actuais e a degustación de produtos de primeira calidade que buscan xerar a emoción no visitante.
Continuarase, así mesmo, potenciando a colaboración público-privada e o traballo co sector, continuando este ano a implantación do selo de calidade turística SICTED.
A primeira gran cita deste ano será a presenza de Barbanza Arousa en FITUR a próxima semana.