Esta pequena ruta achéganos a distintos puntos de interese ambiental e patrimonial do concello de Rianxo. A través dela poderemos descubrir a natureza do río Té e como ao longo da historia a humanidade foi ocupando este espazo rico en recursos naturais (agricultura, pesca, gandaría, bosque...). O río Té nace preto do monte da Muralla, duns 500 m de altitude, e logo de percorrer arredor de 12 quilómetros desemboca no lugar do Pazo na ría de Arousa Numerosos lugares de interese desta ruta descóbrennos a riqueza natural, cultural e paisaxística do río Té. No comezo recíbenos unha fonte, protexida polo bosque de ribeira, formado por árbores como o ameneiro e o freixo, que coidan e conservan o ecosistema do río. Ao longo do percorrido poderemos ver varios muíños de regato, utilizados no pasado para moer o cereal. O de Francuín, un dos máis grandes, era un muíño de maquía. O ambiente húmido e de escasa luz favorece a abundancia do dentabrún ou fieito real, acompañado por unha diversa e valiosa fauna: o merlo rieiro, a ra verde, o lagarto das silvas, o reo ou a lontra rebolen con minúsculos invertebrados como as pitas cegas ou os cabaliños do demo. No paseo teremos que atravesar varias pontes e pontellas desde onde poderemos apreciar e refIexionar sobre os imprescindibles recursos que nos ofrece o río: auga para beber, regar, pescar, bañarnos, forza para os muíños… e do necesario uso responsable evitando a súa contaminación.