O CAMIÑO
O Camiño de Santiago do Barbanza "A Orixe" fundaméntase no relato da chegada do Apóstolo a Galicia, navegando polas augas da Ría de Arousa e o Río Ulla.
Diversas evidencias, como a existencia de varios hospitais de peregrinos, a proliferación das imaxes de Santiago e máis de 200 fitos relacionados coa tradición xacobea (cruceiros, igrexas, conventos...) poñen de manifesto a existencia dun antigo Camiño durante o medievo que acompañaba por terra o periplo do Apóstolo polas augas da nosa ría.
Hoxe en día, o trazado do Camiño (de máis de 120km) comeza no Faro de Corrubedo e, e través de 5 etapas que discorren polos concellos de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo, Dodro e Padrón, chega ata Iria Flavia, onde entronca co Camiño Portugués para acabar na Praza do Obradoiro, aos pés da Catedral.
A "Asociación Amigos do Camiño de Santiago do Barbanza e Sar. A Orixe" levou a cabo durante anos un intenso labor de investigación e posta en valor para recuperar este Camiño de Santiago que antigamente discorría polo Barbanza.